martes, 7 de julio de 2009

REACCIONEMOS

Non se trata tan só de non pagar os libros de texto. Temos que reaccionar porque, sen máis, nos están reducindo un DEREITO.
Ata o de agora todas as familias tiñan o dereito a recibir sen custo algún os libros de texto para os seus fillos. Todos e todas podíamos beneficiarnos do préstamo.
Agora hai que demostrar que a renda familiar é baixa para conseguir a mal chamada gratuidade solidaria.
E os libros pasan de ser compartidos durante catro anos a ser esquecidos nos faiados das casas ou queimados en San Xoán.
É un retroceso sen precedentes. Pero pode converterse no precedente doutros retrocesos. O transporte escolar non distingue rendas, nin as axudas aos comedores escolares.
Segundo o Conselleiro, a Consellería é deficitaria nestes dous apartados.
Parece que Galicia, unha das Comunidades Autónomas con rendas máis baixas, vai pasar de ser a comunidade na que a volta ao colexio era a máis barata, a unha das que teña o setembro más caro de toda España.
Pero nesta medida hai moita hipocresia. Hai moita demagoxia e, dende logo, moita ideoloxía.
Para convencer á cidadanía, o goberno fala de medida progresista, medida de igualdade e solidariedade. Fala de pobres e de ricos. De novo. Cando todos sabemos que a renda media galega está aínda moi por debaixo da media española.
O goberno escúsase nunha minoría de rendas altas, para sacarlle un DEREITO a todos os galegos e a todas as galegas, xa que a grande maioría das familias terán que pagar o todo ou gran parte do custo dos libros de texto.
Ese si que é un imposto indirecto. Un imposto que imposibilitará a moitas familias encarar un setembro tranquilo.
Total para non aforrar nada.
Se non reaccionamos agora,¿cando?
ASINA O MANIFESTO POLA GRATUIDADE.
QUE SAIBAN QUE SOMOS MOITOS!!!
XUNTOS PODEMOS!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario